A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, consciente da necesidade duns recursos humanos de excelente formación, altamente cualificados, creativos e adaptábeis, oferta un Máster Oficial profesionalizante e adecuado ás necesidades do mercado laboral actual e da chamada “nova” economía do coñecemento.
No seu programa formativo intégranse dous ámbitos de especialización fondamente interrelacionados e sobre os que existe un déficit de formación no sistema educativo galego. Estes son:
Son dous pasos interligados dunha proposta formativa integral.
A creación de empresas constitúe un primeiro chanzo inexcusábel para promover o maior crecemento e desenvolvemento económico garantes do benestar social. En especial, ese paso cara maiores cotas de riqueza e benestar dáse a través da creación de empresas capaces de pór en valor novas tecnoloxías e novos coñecementos.
Un segundo chanzo para avanzar na mellora social a través da competitividade empresarial constitúeo unha eficaz dirección e xestión de empresas.
Non obstante, e no actual cadro de globalización e competencia, a creación e a dirección e xestión de empresas deben ser rexidas pola innovación, a tecnoloxía e a calidade como factores estratéxicos e de transversalidade. No contexto actual, o crecemento económico e a mellora do benestar non asenta apenas en crear novo coñecemento e novas tecnoloxías senón moi especificamente na capacidade para xestionar eficazmente ambos, póndoos en valor como recursos competitivos a través dos cales se podan crear novos produtos de mercado e procesos produtivos ou ben mellorar os existentes. Unha eficaz dirección e xestión de empresas vai hoxe en día indisolubelmente ligada, mesmo subordinada, á xestión da innovación, a tecnoloxía e a calidade. As empresas deben comprender esta esixencia e incorporar na súa estratexia estes ámbitos de xestión.
COHERENCIA DO PROGRAMA EN FUNCIÓN DOS ESTUDOS QUE O INTEGRAN
A proposta formativa do Máster procura proporcionar ás futuras xestoras e xestores de empresas os coñecementos, capacidades e habilidades necesarios para fomentar a competitividade da economía a través da competitividade empresarial.
A aposta pola innovación, o emprendemento e a educación eríxense no contexto actual como elementos fundamentais para o impulso da produtividade e a competitividade das empresas. Así se deduce das directrices emanadas de documentos como o “Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010” –INCITE-, a “Estrategia Nacional de Ciencia y Tecnología, 2008-2015” –ENCYT- ou o relatorio “Enfrentar o desafío. A estratégia de Lisboa para o crescimento e o emprego” –elaborado en 2004 polo Grupo de Alto Nivel da Comisión Europea, presidido por Wim Kok-. Todos estes documentos inciden no papel chave que desempeña a formación dos recursos humanos para a produtividade e a competitividade das economías europeas. O necesario pulo cara a cultura de I+D+i nas empresas dentro da cultura da calidade empresarial, que todos estes documentos refiren, pasa por dispor de directivos altamente cualificados e formados en xestión e dirección de empresas cunha neta orientación cara a innovación empresarial.
Este Máster, ao integrar a formación en xestión e dirección de empresas, a formación para o emprendemento empresarial e a formación para a xestión da innovación, a tecnoloxía e a calidade, nun único programa académico, procura achegar á sociedade recursos humanos formados para esa cultura organizativa.
O Máster é apoiado e elaborouse en colaboración con diversos colectivos sociais (asociacións empresariais e empresas punteiras da contorna), con representantes da administración pública (responsábeis das Consellarías e das Direccións Xerais da Xunta de Galicia atinxidas pola temática específica do Máster), cunha entidade financeira, e con responsábeis do Parque Tecnolóxico de Galicia. A colaboración e apoio de todas estas institucións garante a viabilidade económica e permite oferecer un amplo programa de actividades e de formación.
O deseño curricular viuse enriquecido polas achegas que os distintos axentes colaboradores fixeron á Universidade de Vigo. Esta elaboración conxunta do programa docente entre empresas, administración e Universidade é un paso fundamental para que a Universidade responda ás necesidades de formación de recursos humanos que a sociedade demanda.
Todos os colaboradores manifestaron tamén a súa intención de seguir cooperando para a realización de actividades complementarias que se organicen desde o Máster (mesas redondas con empresarios/as, visitas, explicacións in situ, etc.)
O programa pretende ademais impulsar o espírito emprendedor do alumnado. A tal fin, como mecanismo incentivador, convocarase un premio ao mellor proxecto empresarial. Para dotar dito premio, Caixa Galicia contribuirá cunha achega monetaria e a Vicerreitoría do Campus de Ourense porá a disposición do premiado, durante un ano, un niño na preincubadora para proxectos empresariais da que dispón no Parque Tecnolóxico de Galicia.

